A edición de 2008 da Feira Galega das Artes Escénicas, que organiza a Consellaría de Cultura e Deporte a través da AGADIC, busca afianzar a súa condición de espazo referente para a compravenda de espectáculos galegos de teatro e danza tralo importante pulo que, neste sentido, significou a posta en marcha o ano pasado do programa de bonificacións á distribución exterior.
Téntase, ademais, dar un paso adiante na configuración dun espazo dinámico e efectivo para o encontro entre os creadores e os xestores culturais, que terá o seu centro neurálxico no Auditorio de Galicia. Nesta sede, situada a carón do hotel onde se aloxarán os participantes, concentrarase gran parte da actividade feiral -a oficina de coordinación, os stands de empresas do sector, un dos escenarios de exhibición, as mesas de debate e o restaurante- co obxectivo de garantir unha maior comodidade, ao tempo que se propicia unha máis intensa interacción entre os profesionais asistentes.
Todo sen perder de vista a natureza da Feira como escaparate da nova produción escénica galega ante programadores, distribuidores e demais axentes culturais chegados de toda Galicia, así como do resto do Estado e de Portugal. Serán cinco xornadas intensas nos cinco escenarios composteláns que exhibirán as últimas propostas de 20 compañías galegas, 3 de fala portuguesa e 2 de Euscadi, país convidado nesta edición.